A primavera chega a Marín en Rede cunha nova campaña de dinamización do consumo

Mercar no comercio local e apoiar o noso non debe ser unha excepción, debido á difícil situación que está a atravesar o sector. “Ten que ser constante, temos que seguir apostando polos nosos establecementos, porque a economía local e a que tece a nosa rede produtiva”. Así o expresou  a concelleira de Comercio, Cristina Acuña, na presentación dunha nova campaña de incentivación comercial: “Chega a primavera a Marín en Rede”.

Esta campaña ten por obxecto dinamizar o consumo nos comercios e nos locais de hostalaría da vila que estean adheridos á plataforma Marín en Rede, a excepción dos establecementos de alimentación, farmacias e mercados de abastos, que por ser servizos esenciais non viron paralizara a súa actividade durante o confinamento e as diversas restricións derivadas da pandemia.

A campaña arrancará o 22 de marzo e durará un mes, até o 22 de abril, durante o que a veciñanza ou os visitantes de Marín poderán facer gasto nos establecementos adheridos á plataforma dixital, ata chegar a un mínimo de 30 euros de compra, que pode ser nun só ticket ou varios, que se canxearán por unha planta ornamental. Acuña adiantou que esta pranta será un rosal pequeno. “Esta especie é moi boa para plantar fóra, para as persoas que teñan un xardín exterior, como parapoñela nun interior nunha maceta”, explicou Acuña.

Os clientes terán que gardar os tickets orixinais durante un mes, xa que, cando remate a campaña, os días 23, 24 e 25 de abril poderán achegarse até a Oficina de Turismo da Praza de España, onde presentarán os seus tickets de compra e se lles dará unha pranta. As prantas poderán recollerse de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas (a excepción do domingo, que será só en horario de mañá).

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, que taménparticipou na presentación, asegurou en rolda de prensa que os peches perimetrais fixeron a moitos veciños “redescubrir ou, nalgúns casos, descubrir de primeiras” establecementos comerciais da súa propia vila que antes non frecuentaban” e animou á veciñanza a seguir consumindo local, “porque Marín precísao máis ca nunca”.

En total, para unha primeira remesa, o Concello ten adquiridas 700 plantas, aínda que as edís anunciaron que, en caso de que haxa máis demanda, adquiriranse para que todos os veciños e veciñas que consigan xuntar 30 euros de compra poidan quedar cun rosal. O máximo será de
dúas plantas por persoa.

Adherirse a Marín en Rede

A plataforma dixital da economía local de Marín ten actualmente cerca de 200 negocios adheridos, cada un cunha ficha multimedia cos seus datos
de contacto que pode ser consultada con facilidade a través do
directorio.

Para formar parte, é abondo con entrar en www.marinenrede.es [1] e
encher o formulario que aparece ao clickar no botón “Dar de alta o meu
negocio”.