Marín En Rede estrea a súa web con fichas multimedia dos negocios
Marín En Rede, a plataforma do Concello de Marín orientada á dixitalización e á visibilidade da economía local da vila, xa ten habilitada a súa web (www.marinenrede.com). Distribuída en varias seccións, a páxina conta cun directorio dividido por categorías, no que cada un dos negocios, comercios e locais adheridos conta cunha ficha individualizada, que funciona case como unha “mini-web” propia.
Nestas fichas, aparece unha pequena descrición do negocio, os servizos ou produtos que pon a disposición dos consumidores, o seu horario de apertura e os medios de contacto, ofrecendo unha pasarela directa para escribirlle por Whatssao ou para enviar un email no caso de que existan estas vías.
Ademais, grazas á campaña de visibilidade lanzada esta mesma semana, #PonllesCara, os negocios poderán contar cun vídeo personalizado de presentación do seu comercio ou local, no que tamén se lanza unha mensaxe de concienciación sobre a importancia de consumir no tecido produtivo de Marín, e que se van realizando paulatinamente.
Ademais do directorio, a web conta cun espazo adicado a explicar en que consiste esta plataforma, lanzada polo Concello como unha medida máis do seu Plan de Reactivación Local; así como cun blog, no que se colgarán aquelas novidades máis relevantes para os sectores do comercio e da hostalaría.
A adhesión de novos establecementos estará permanentemente aberta, co formulario habilitado, que se debe completar para poder formar parte do directorio e participar das campañas que se vaian lanzando.
Unha alternativa segura para as cartas da hostalaría
Ante a reapertura dos locais de hostalaría, Marín en Rede ofrece a todos aqueles locais que se adhiran á súa rede a posibilidade de colgar a súa carta na súa ficha, de tal xeito que poida ser consultada polos clientes comodamente desde o móbil, evitando o contacto coas cartas tradicionais, que deberían ser desinfectadas despois de cada uso.
Deste xeito, aqueles locais que xa estean adheridos poderán escribir directamente ao mail contacto@marinenrede.com, adxuntando nun documento de Word ou de PDF o contido da súa carta, con referencia de prezos preferiblemente.
Se o establecemento aínda está sen adherir, terá que cubrir o formulario de adhesión, no que xa atopará un campo específico chamado “Carta”, no que deberá escribir o seu contido para que así poida ser incluído na ficha.
O equipo técnico do Marín en Rede elaborará un código QR personalizado para cada un destes locais, que se enviará de novo ao email facilitado ou ao teléfono de contacto do negocio, para que se queren poidan imprimilo e pegalo nas mesas, nalgunha parede ou onde consideren, para que sexa escaneado pola clientela co móbil, accedendo comodamente a toda a oferta gastronómica do local.