Medidas adoptadas e propostas na mesa de traballo para a reactivación do comercio e hostalaría
O Salón de Plenos da Concello acolleu a convocatoria da Mesa de Traballo para Reactivar a Economía Local, cuxa celebración foi aprobada na sesión plenaria da semana pasada, e na que participaron a concelleira de Comercio e Turismo, Cristina Acuña, e os edís Marián Sanmartín e Manuel Santos, así como o portavoz do PSOE, Manuel Pazos, e a portavoz do BNG, Lucía Santos.
Pola parte do comercio, estiveron presentes a presidenta da asociación Estrela de Marín, Isabel Torres; a presidenta da Asociación de Comerciantes Marín Sur (Acemas), Cristina Souto e a presidenta da Asociación Praza de Abastos, Begoña Barros.
O obxectivo desta reunión era volver repasar de xeito conxunto entre Goberno local, asociacións relacionadas coa economía local e os representantes da oposición aquelas iniciativas xa postas en marcha e outras a desenvolver nun curto, medio e longo prazo para reactivar a vila, indo da man doutras administracións en materia de comercio.
O Goberno local repasou punto por punto aquelas medidas que xa están adoptadas, como as tributarias, nas que destaca a ampliación do período de pago dalgúns tributos e a exención da taxa de lixo e de mesas e cadeiras, esta última durante todo este ano e o 2021. No que respecta á dotación de material, repartíronse entre todos os comercios e locais abertos mascarillas, pantallas e xeles hidroalcohólicos.
Por outra banda, lanzouse a web de Marín en Rede como unha plataforma de dinamización e de mellora da visibilidade da economía local na web. Conxuntamente a esta plataforma, está a estudarse a posibilidade de desenvolver un market place, para o que se buscará a coordinación con todas as asociacións comerciais.
Finalmente e tamén a curto prazo colaborarase con todas aquelas campañas que as entidades queiran poñer en marcha e lle propoñan ao Concello, financiándoas na medida do posible e dándolles tamén visibilidade e promoción a través do Marín en Rede.
A medio prazo, o Goberno local tamén apostará por ofrecer ás asociacións cursos de formación, ben de xeito telemático ou presencial, tanto en márketing como en xestión de perfís en redes sociais, así como outras competencias relacionadas co eido dixital.
No que respecta ás campañas para dinamizar o consumo, estanse a estudar diversas opcións, aínda que é preciso esperar a coñecer a dispoñibilidade económica para poñelas en marcha.
Ampliación horaria e recuperación do Mercadillo de Seixo
Os concelleiros adiantaron tamén que se está a traballar na posibilidade de habilitar unha ampliación horaria e de espazo na hostalaría, “pero sempre mantendo o equilibrio entre os peóns e os locais”.
Precisamente, seguindo ese obxectivo están a estudarse de maneira global as propostas de ampliación de terrazas presentadas durante estes últimos días polos hostaleiros, para que o equipo técnico do Concello poida reorganizar o espazo público sen caer na afectación dos viandantes e sen que entren en conflito as posibles ampliacións de locais anexos.
A finalidade é ademais poder chegar a un equilibrio, colaborando especialmente con aqueles locais que non teñan terraza. Na reunión, barallouse a posibilidade de que poidan ocupar prazas de estacionamento, poñendo un máximo de 2 prazas por cada local, tendo que solicitar unha autorización previa aos negocios colindantes no caso de excederse da súa fachada. Ademais, valorarase realizar algún corte puntual de tráfico nalgunha rúa e nun horario específico.
Outra das propostas recollidas polo Goberno local é a posible recuperación do mercadiño de Seixo, sendo preciso definir cos vendedores e co resto de actores implicados cal podería ser o día para retomar esta actividade comercial nas rúas da parroquia marinense. Ademais estanse fixando as bases para que o habitual mercadiño dos xoves en Marín volva reanudar a súa actividade de xeito total.
Campaña de visibilización tamén na rúa
Por outra banda, o Concello está a traballar nunha campaña de visibilización para os negocios na rúa, deseñando material que lles sexa útil para garantir o cumprimento das medidas de seguridade e de hixiene individual nos establecementos.
Entre outras cuestións, repartiranse unhas cenefas para escaparatismo nos comercios nas que se lembren, a través de iconografía, as medidas básicas de hixiene e prevención de contaxios.
Ademais, elaboraranse unhas pegatinas para as mesas das terrazas autorizadas, nas que se imprimirá un código QR que derivará á páxina web de Marín en Rede, para que poidan ser consultadas as cartas de xeito individual nos teléfonos móbiles dos clientes.
Neste senso, Marín en Rede tamén ofrece a opción de conseguir un QR personalizado que se enviará a cada local coa súa carta para así poder imprimilo e contar cun acceso directo á carta do local.
Os muppies da vila tamén serán renovados cunha campaña para fomentar o consumo local, lanzando mensaxes de concienciación.