Reparto de material nos establecementos da vila
O Concello iniciou a entrega de material de protección, pantallas e mascarillas en diversos establecementos comerciais, que desde hoxe poden reiniciar a súa actividade mediante unha cita previa e cumprindo coas medidas preventivas de saúde previstas.
Un dos sectores que máis actividade ten prevista esta semana é o das perruquerías. Segundo detallou o Concello, fíxose reparto de unidades nas 30 que estaban abertas e que tiñan citas programadas. As outras 14 que teñen actividade no noso municipio aínda non abriron de novo as súas portas.
Por outra banda, entregouse material de prevención noutros cinco establecementos de diversos sectores (roupa, mercería…) e en dúas clínicas de fisioterapia e de audición, respectivamente, que solicitaran con anterioridade a material.
Fontes municipais informaron de que moitos negocios “xa estaban dotados de material suficiente para a protección dos seus empregados e dos clientes”, polo que non foi necesario realizar reparto algún nestes casos.
Así a todo, desde o Concello estase a traballar para poder contar con máis material para repartir entre aqueles comercios e locais que así o solicitaron pero que aínda non iniciaron o seu novo período de actividade.