Xuventude Crea 2026: aberto o prazo para presentar proxectos creativos
Se es unha persoa nova e tes un proxecto artístico ou creativo entre mans, esta convocatoria pode interesarche.
A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de participación en Xuventude Crea 2026, un programa que busca fomentar o talento da mocidade galega e facilitar a promoción e difusión das súas creacións.
Que é Xuventude Crea?
Xuventude Crea é un programa de premios dirixido a impulsar a creación entre a mocidade galega.
A convocatoria deste ano inclúe 16 especialidades diferentes: artes plásticas, arte urbana, banda deseñada, cociña, creación de videoxogos, danza moderna, deseño de xoias, DJ, fotografía, moda, música, novela curta, poesía, teatro e videocreación.
Unha variedade de disciplinas que abre a porta a perfís creativos moi diferentes e que pode ser unha oportunidade para dar visibilidade a novos proxectos e propostas.
Quen pode participar?
Con carácter xeral, poden participar persoas de entre 16 e 30 anos feitos durante 2026 que desenvolvan a súa actividade artística nalgunha das modalidades incluídas na convocatoria e cumpran os requisitos establecidos nas bases.
A participación é individual, excepto nas categorías de cociña, creación de videoxogos, danza moderna, DJ, música, teatro e videocreación, nas que tamén poden presentarse asociacións privadas sen ánimo de lucro ou grupos informais.
Cada especialidade conta, ademais, con condicións específicas, polo que é importante revisar as bases antes de presentar a solicitude.
Ata cando se pode participar?
O prazo de presentación de solicitudes está aberto do 1 ao 30 de setembro de 2026.
As solicitudes poden presentarse preferentemente de maneira electrónica a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia, mediante o procedemento BS310Q – Xuventude Crea. Para determinados colectivos, entre eles persoas autónomas e asociacións, a tramitación electrónica é obrigatoria.
Se tes unha idea, unha obra ou un proxecto creativo que queres dar a coñecer, pode ser un bo momento para presentalo.
Desde Marín en Rede animamos á mocidade creadora de Marín a consultar a convocatoria e aproveitar iniciativas que contribúen a impulsar e dar visibilidade ao talento novo.
Consulta toda a información, requisitos e documentación na Sede Electrónica da Xunta de Galicia.
