Marín en Rede afianza o seu poder como escaparate virtual do comercio local
- Por Marín en Rede
Marín en Rede naceu en plena pandemia para axudar á visibilización da economía local, para servir de rede e sustento das campañas que se impulsen a través do Concello e para poder axudar á dixitalización dos negocios da nosa vila.
Pasado o peor momento, a día de hoxe “o comercio local e toda a nosa economía local segue tendo retos importantes nos que temos que axudar e Marín en Rede está demostrando ser unha boa ferramenta para iso”, explicou a concelleira, que fixo balance do 2023.
Tal e como se pode ler no informe facilitado polas métricas tanto da web como das redes sociais de Marín en Rede, neste momento hai 264 fichas de negocio multimedia activas, nas que se poden consultar todos os datos do comercio ou local e ver un vídeo promocional dos mesmos.
“Este aumento destaca a solidez e a atracción de Marín en Rede para as empresas locais, cunha ampliación constante do seu directorio, que mellora as experiencias dos usuarios e contribúe ao desenvolvemento económico local”, expresou a concelleira.
Nas redes sociais, o crecemento tamén é plausible. Neste momento, o perfil de Marín en Rede en Facebook conta con 2.028 seguidores e con 1.428 no caso de Instagram. A gran maioría deles proceden de Marín e de Pontevedra, aínda que tamén seguen as publicacións e promocións comerciais persoas de Vigo, bueu, Cangas, Moaña, Poio e Sanxenxo.
Nas 108 publicacións que se realizaron, 41 delas son reels ou vídeos cortos de promoción dos negocios “que sabemos que funcionan estupendamente, porque nos axudan a poñerlle cara ás persoas que rexentan os negocios e nos permite achegarnos a todo o que ofrecen de forma atractiva e amable”.
Acuña asegurou que Marín en Rede seguirá traballando para que no 2024 os números sexan tan positivos coma no 2023 e adianta que de cara á primavera “traballaremos nalgunha campaña e acción de rúa que siga visibilizando e apoiando ao noso comercio e hostalaría!.