O Concello reparte adhesivos para as mesas autorizadas das terrazas con códigos QR e unha banda coas medidas recomendadas pola COVID19
O traballo para articular as ampliacións das terrazas dos locais de hostalaría continúa adiante. Segundo avanzou esta mañá o Concello, ás 52 mesas das que xa se aprobou a ampliación a pasada semana, agora autorizáronse outras 72 máis, conseguindo un total de 174 mesas ampliadas para axudar á hostalaría nestes momentos, organizando escrupulosamente o espazo público para que non afecte á mobilidade peonil.
Representantes do Goberno local repartiron entre os locais uns adhesivos circulares para colocar en cada unha das mesas autorizadas, que servirán como método de control daquelas unidades que se poden colocar e que inclúen un código QR, cuxo escaneo redirixe á plataforma Marín en Rede, onde se poderá consultar a carta daqueles establecementos adheridos.
Por iso, aqueles locais de hostalaría que aínda non están dados de alta en Marín en Rede deben insertar o seu negocio, subindo a súa carta para que así poida ser consultada pola clientela a través do QR do adhesivo.
Ademais, tamén foron repartidas unhas bandas adhesivas cos lemas “Economía Local, Marín En Rede” e nas que destaca a iconografía coas medidas sanitarias e hixiénicas recomendadas cando se acude a un establecemento comercial.
O obxectivo é poder visibilizar entre a clientela “todas estas recomendacións, que é necesario seguir tendo en conta aínda que vaiamos avanzando na desescalada”, aseguran fontes municipais.
Colocación de muppies e novas adhesións
Con este reparto, segue en marcha a campaña de dinamización comercial enmarcada no Marín en Rede, programa cofinanciado cos Fondos FEDER da Unión Europea a través da Estratexia EDUSI Marín 2020.
Os lemas “Apoia o nosa economía”, “Apego á nosa vila”, “Aperta o noso turismo”, “Alenta o noso comercio” e “Ampara a nosa saúde”, presentados a semana pasada e que tamén formaron parte do vídeo promocional da economía local da vila, poderán lerse nos muppies da localidade.
Ademais, as adhesións a Marín en Rede continúan e pronto se repartirán adhesivos para aqueles establecementos adheridos.