Marín terá un autocine, unha experiencia única ligada ás compras no comercio local da vila
O Concello, a través das Concellarías de Cultura e de Turismo, vén de anunciar que a nosa vila contará cun autocine o próximo 10 de outubro, unha iniciativa coa que se busca ofrecer unha experiencia cultural única aos consumidores máis fieis do comercio e da hostalaría locais da nosa vila, xa que as entradas conseguiranse acumulando, de aquí ao 7 de outubro, un total de 50 euros en tickets de compra.
As concelleiras de Cultura, Beatriz Rodríguez, e de Turismo, Cristina Acuña, presentaron esta mañá a actividade, explicando que se trata de crear “unha campaña de dinamización comercial coa que poidamos axudar aos nosos comercios e locais a manter a súa actividade económica en momentos complexos como o que estamos a vivir”.
A campaña está ligada á plataforma de dinamización dixital da economía local Marín en Rede. De feito, será nos máis de 140 establecementos adheridos a esta plataforma nos que os marinenses poderán realizar as súas compras para ir sumando gasto até completar o necesario para conseguir unha entrada.
“Desde hoxe e até o mércores 7 de outubro, aqueles que queiran conseguir unha entrada terán que gardar os tickets das compras que realicen nos establecementos adheridos a Marín en Rede. Unha vez acaden os 50 euros de gasto, poderán completar o formulario que atoparán na páxina web de Marín en Rede, onde terán que poñer os seus datos, a matrícula do coche co que se asistirá ao autocine e adxuntar unha foto de cada un dos tickets. Unha vez feito isto, recibirán a súa entrada para o autocine”, explicou a edil de Cultura.
Cada entrada correspóndese cun vehículo, habendo un aforo máximo na Praza do Regueiro para 80 coches. As entradas dispensaranse por orde de inscripción dos formularios até que se remate o aforo. O gasto comercial pode facerse nun único ticket ou en varios e o mesmo acontece cos locais, pode ser un gasto realizado nun único establecemento ou en varios dos adheridos a Marín en Rede.
Durante os últimos días, estes establecementos foron recibindo uns adhesivos identificativos co logotipo de Marín en Rede. Estas pegatinas seguirán repartíndose, aínda que o Concello insta a todos aqueles locais que aínda non a teñan a pasar polo departamento de Alcaldía do Concello para recoller a que lles corresponde e poder pegala nos seus escaparates.
Tanto os comerciantes como os clientes que poidan ter dúbidas con respecto á campaña, poderán escribir un email a contacto@marinenrede.com.